Sunday 19 de May de 2024

A Xunta destaca a importancia da Unión Europea no desenvolvemento de proxectos útiles a nivel municipal


O vicepresidente, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe na EGAP a xornada “30 anos de España na UE (1986-2016): impacto na Administración local”

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a necesidade de facer visible para a cidadanía a utilidade da actividade europea tamén a nivel municipal.

Rueda inaugurou esta mañá na EGAP a xornada “30 anos de España na UE (1986-2016): impacto na Administración local”, onde expertos na materia analizaron que supuxo para as Administracións públicas españolas a integración europea, facendo especial fincapé nos casos concretos das Administracións locais.

O vicepresidente explicou que a administración local é a máis próxima ao cidadán, o que presta os servizos máis inmediatos e é necesario facer visible que é o que a Unión Europea fai polos municipios. Así recordou as actuacións de mellora levadas a cabo en concellos como Melide ou Mos, onde se levaron a cabo parques infantís ou equipamentos deportivos grazas ás subvencións que a Vicepresidencia dá para estes investimentos de uso público. A este respecto, insistiu en que esa convocatoria de axudas, que para este exercicio vai estar dotada con máis de 5,3 millóns de euros, nútrese nun 75 por cento de fondos para o desenvolvemento rural que proceden da UE.

O número dous da Xunta lembrou tamén que a cofinanciación polo Fondo Social Europeo permite levar a cabo o labor que fan os Centros de Información á Muller ou incluso a dotación que desde a Xunta se fixo aos concellos cos servizos de firma electrónica ou de contratación electrónica, tamén contou con fondos europeos; así como o portal da interoperabilidade que permite aos concellos non pedirlle á cidadanía documentación que xa está en poder doutras administracións.

Durante esta xornada, contouse tamén con persoal procedente dos concellos de varias cidades españolas, que presentaron os seus casos concretos como exemplos de boas prácticas nos trinta anos de pertenza de España ó sistema político europeo. Así, os asistentes puideron coñecer de primeira man cáles foron as estratexias máis exitosas levadas a cabo por administracións locais no noso país coa finalidade de captar fondos europeos e introducir instrumentos innovadores de políticas públicas.